Saturday 18 de May de 2024

Alternativa comprométese a manter e mellorar actividades culturais e artísticas en Oleiros


A creatividade e a formación, especialmente das persoas máis novas, sempre foron claves na nosa política de fomento das artes en xeral.

As bibliotecas
Nestes anos tivo especial relevancia a tupida rede de bibliotecas municipais, distribuídas por todo o concello, que non son unicamente espazos de encontro cos libros, os saberes e a literatura, senón entidades e lugares nos que decorre unha xenerosa oferta de actividades pensadas para todas as idades, como obradoiros, eventos temáticos de relación cos libros ou clubs de lectura cos que seguiremos tendendo pontes entre as persoas e a creatividade.

Os centros culturais
A infraestrutura cultural de Oleiros constitúe unha das redes públicas más densas do país, con tres auditorios, once casas do pobo ou centros cívicos públicos esparexidos por todo o municipio, con actividades habituais e moitas delas xestionadas polas propias entidades veciñais ou sociais de cada parroquia.

A programación
Continuaremos coa organización de actos e eventos de todo tipo, fomentando os encontros entre as persoas motivadas por algún interese específico relacionado coa creatividade, as artes plásticas, a música ou a divulgación cultural.

Escolas de música, danza e teatro
Seguirán contando co máximo impulso municipal para ofrecer o brillante servizo público que están realizando.